Home > Single Post
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit ut elit tellus..
A Asociación MUGOC celebrou hoxe as súas I Xornadas MUGOC: Da competición á concienciación para a empresa galega multinacional, unha iniciativa que tivo lugar nas instalacións de Texas Controls, en Bergondo, co obxectivo de achegar información rigorosa, sensibilización e ferramentas de prevención fronte ao cancro ao seu equipo humano.
A xornada foi presentada e conducida polo recoñecido xornalista galego Alfonso Hermida, quen contribuíu a crear un espazo dinámico, próximo e participativo para abordar unha enfermidade que, directa ou indirectamente, afecta a toda a sociedade.
A primeira intervención correu a cargo da Doutora Margarita Amenedo, do Centro Oncolóxico de Galicia, quen centrou a súa charla na prevención e nos hábitos de vida saudables. Durante a súa exposición destacou a importancia do uso da protección solar durante todo o ano, o impacto crecente dos factores medioambientais na saúde, a necesidade de manter unha alimentación equilibrada, realizar actividade física ou movemento de forma regular, así como o papel fundamental das vacinas e dos programas de cribado na detección precoz de diferentes tipos de cancro.
Posteriormente, representantes da Asociación MUGOC presentaron aos traballadores e traballadoras de Texas Controls a historia da creación da asociación e do proxecto solidario MÉTELLE UN GOL Ó CANCRO, explicando os valores que sustentan a entidade, o seu compromiso coa transparencia e a importancia de que todos os fondos recadados se transformen en proxectos oncolóxicos desenvolvidos en Galicia.
Durante a intervención tamén se deu a coñecer o impacto real destas iniciativas na sociedade galega e presentouse o libro “Presas de Historias. Deporte e Paixón”, unha publicación que recolle experiencias e valores vinculados ao deporte.
Dende MUGOC queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a Texas Controls e, especialmente, ao seu CEO, Frank Fernández, pola súa sensibilidade, compromiso e vontade de abrir as portas da compañía a este tipo de iniciativas que contribúen a informar e concienciar sobre unha enfermidade que nos interpela a todas e todos.
Do mesmo xeito, queremos agradecer a colaboración do Centro Oncolóxico de Galicia e, de xeito especial, á Doutora Margarita Amenedo, pola súa magnífica intervención, pola claridade das súas explicacións e pola súa disposición para responder ás numerosas preguntas formuladas polo equipo de Texas Controls.
O noso recoñecemento tamén para Alfonso Hermida, que co seu saber facer, profesionalidade e cercanía conseguiu que a xornada fluíse de maneira natural e enriquecedora.
Dende MUGOC consideramos que este tipo de encontros son máis necesarios ca nunca. Esta primeira sesión serviu como introdución a unha realidade complexa que aínda está rodeada de descoñecemento e, en ocasións, de desinformación, especialmente no relacionado coa prevención, os coidados e determinados tipos de cancro, como aqueles asociados ao Virus do Papiloma Humano (VPH).
A asociación continuará impulsando espazos de información e diálogo que permitan achegar coñecemento científico, fomentar hábitos saudables e contribuír a unha maior concienciación social fronte ao cancro.

Mételle un gol ó cancro
Para ofrecer as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento destas tecnoloxías permitiranos procesar datos como o comportamento de navegación ou ID únicos neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente a determinadas características e funcións.